xoves, 31 de outubro de 2013

MINI SEMANA


28 29 e 30 Outubro

 Aquí vai o resumo destes tres días na aula das Superpedras:


Nova canción da mañá: Pinocho fue a pescar!

Artistas musicais (cada semana tras o recreo)
 
Esta vez coñecimos aos Rolling Stones e o tema titulado "She is a rainbow" . Xa que estamos coas pedras, e aprendemos como se di esta palabra noutros idiomas, o curioso deste grupo é que leva a palabra "stones", que significa pedra en inglés. A tradución do nome, completo é "pedras rodantes", e a canción en sí fala dunha rapaza que é tan fermosa coma un arco da vella, un arco iris. Gustounos moito como soa o piano!

   


Recuncho do proxecto

Tivemos varias aportacións:

- Un libro sobre minerais e rochas que trouxo Aitor con moitas fotos interesantes.

- Unha Enciclopedia da Natureza que trouxo Xavi, na que nos centramos nas páxinas que falan das rochas e minerais.

Gracias a ela descubrimos que  ademais das pedras preciosas para facer xoias, e das rochas para facer construcións, das rochas sácanse minerais que serven para facer moitas

cousiñas das que usamos, ou vemos a diario, e especialmente moitos minerais serven para extraer metais.

- Grafito para as minas dos lapis
- Cuarzo para cristais que despois se usan en reloxos
- Magnetita para os imáns
- Cuprita para extraer o metal do cobre que vai nos fíos dos cables eléctricos.
- Cinabrio para extraer o mercurio para os termómetros 


- Tamén vimos as páxinas nas que falan de volcáns e rochas volcánicas xa que falamos moito dos volcáns con motivo da visita de Anxo ás illas Canarias, e a pedra volcánica que trouxo. 


- Fixemos experimento con pedras e con lume. a partir da pregunta ¿Unha pedra pode arder? que lle pasará se lle prendo lume? prendinlle lume cun chisqueiro e  observamos os cambios, pasámola para tocala e ulila. 

Comparamos o que lle pasou á pedra cun trozo de papel, e no mesmo tempo, o papel acaba por desaparecer, a pedra non. Despois pensamos se se poden conxelar as pedras, e acabamos por meter pedriñas nunha cubiteira a ver que cubitos nos saen. O luns comprobaremos a transformación!



Recuncho de superexploradores


- Presenteilles un herbario que nos trouxo a  mamá de  Aroa, feito por ela, que é moi gordo moi gorde e ten moitas follas de árbores e plantas dentro. Podemos consultalo cando estamos no recuncho pero avisando á profe para poder miralo, porque as páxinas son difíciles de pasar.






- Metemos unha monda de laranxa na caixa de " A ver que pasa", porque a mazá xa a tivemos dúas semanas e agora tócalle a unha cousa nova. A mazá cambiou de cor, textura, olor, tamaño, e naceulle peliño gris verdoso... que lle pasará á laranxa? Teremos que observar.

- Engadimos caixa nova das que traen das casas de reciclaxe, para gardar as follas, flores, froitos secos, piñas,  etc. cos que experimentan neste recuncho.


Actividades varias

- Cubriron con pedras  pequenas o seu nome escrito en grande nun folio. Así vimos que ademais de formas, tamén se poden facer letras con pedras.

- Con motivo dos volcáns, aprendimos as súas partes e despois fixemos volcáns de plastilina que quedaron super bonitos.

                     Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox


Xogos de acertar (Xogos que facemos antes de ir para casa)

- Esta semana xogamos a adiviñar os debuxos dos compañeiros na pizarra con rotuladores. Eu digo un tema, e o que sae á pizarra dime ó oído o que vai debuxar. Logo os demais levantan a man e van dicindo por orde o que cren que é o debuxado. Quen acerta sae a debuxar.



Samaín

Esta semana foi moi curtiña, xa que tivemos dous días menos de cole e ademais estivo marcada pola celebración do Samaín. 

           A exposición de cabazas do centro  que comezou o Luns, estivo chea de creacións moi orixinais! Gracias ás familias por colaborar e decorar cos nenos!  

     O mércores foi a FESTA DO SAMAÍN xunto coa celebración dos cumpreanos do mes de Outubro na escola de Verducedo. Para esta festa especial todos viñeron con ganas de dar medo, como podedes ver aquí algunhas superpedras disfrazadas.




Comimos, bailamos, cantamos, e aproveitamos os morcegos que fixemos con material de reciclaxe para meter os caramelos da festa e levar para casa! 



Para ver fotos da festa conxunta e da exposición de cabazas, poden verse no blog xeral da escola: 



luns, 28 de outubro de 2013

SEMANA do 21 ao 25 de OUTUBRO

Nova canción da mañá


  Tengo una hormiguita.  Cantámola coas diferentes vogais, e é moi divertido!

Artistas musicais (cada semana tras o recreo)

Coñecimos a unha gran banda inglesa: The Beatles  e o tema " Here comes the sun". 
Failles gracia ver as súas fotos e os peinados que tiñan. Gústalles a súa música así que seguiremos vendo máis temas deles. Seguro que nas casas podedes oír e cantar con eles.


Actividades varias

- Con motivo do SAMAÍN..

               Elaboramos un mural coa profe Mari.




            Tivemos a colaboración de Vane, a nai de Aitor, para facer uns morcegos con rollos de papel hixiénico e decorar o noso corredor. Quedamos encantados coa súa axuda. Gracias por vir Vane!

- Elaboramos puzzles reversibles con caixas de cereais e debuxos persoais sobre " A miña casa"

- Con motivo do día 24 como Día das Bibliotecas, entre os nenos de 5 e 4 anos, elaboramos o cartel das Normas da  biblioteca da nosa escola, e firmamos para deixar constancia de que todos estamos de acordo coas mesmas e imos cumplilas.






Sentindo as estacións


- Tivemos aportacións de Rubén, que fixo un camión moi curioso que recolle as follas do chan e de Aroa (debuxo) 



Así de cheíño está xa o corcho



Cousas que están mal ou "cousas por mellorar"

- De novo deixaron o baño cheo de auga e trozos de papel empapado polo mesado e no chan. 

- Xogaron con pinceis e vasos que non necesarios para beber nin para lavar as mans. 

- Deixaron o rollo de papel tirado no chan e logo empápase e non podemos usalo.

SEMANA 14 A 18 OUTUBRO


Nova canción da mañá: El arca de Noé


Artistas musicais (cada semana tras o recreo)



 Coñecemos a Johan Pachelbel e a súa popular peza Canon de Pachelbel. Fíxamonos no seu peinado, parecido ao de Beethoven, e moi curioso, pelo longo e con rulos, ¿será seu ou perruca?

Recuncho do proxecto
- Vimos a diferencia entre a palabra "Pedra" en galego e "Piedra" castelán. a idea é seguir buscando noutros idiomas e colocalos xuntos nun panel. para identificar cada idioma usamos bandeiras, e  de momento temos a española e a galega, como eran moi grandes, aprendemos a modificar tamaño e imprimir no ordenador. 

Miramos unha caixa de tesouriños que trouxo XAVI, unha reliquia do tío da súa avoa. A caixa é de 1965 e ten dentro: pedriñas, fósiles de cunchas, orellas de mar, cabaliño de mar, moedas... Vimos todo polo cristal da tapa, pero non se podía abrir. E como cada cousiña tiña un número e un nome, xogamos a buscar o número que eu lles decía e despois eu leíalles o que era.
- Tamén votamos as liñas de investigación do proxecto. O que máis lles apetece saber dentro do amplo mundo das pedras  é sobre:

Casas
Castelos
Esculturas
Illas
Acantilados
Covas e túneles subterráneos

Dentro pois dos 4 eixes, debemos decidir por onde comezar: CONSTRUCIÓNS DE PEDRA, ARTE EN PEDRA, PEDRAS BAIXO A TERRA, PEDRAS NA DIVERSIDADE COSTEIRA.

Recuncho matemático:
Aprendemos a xogar ao 3 en raia con fichas de tapóns de plástico e pedriñas, e o taboleiro de cartón.
Sentindo as estacións:
Tivemos aportacións de: GAEL.(cadro), CARLA, (debuxo) XAVI (conto)
O sombreiro de pensar (preguntas que trae Ramona)
¿Por qué vivimos en casas?

- Porque si dormimos en la carretera puede venir un coche y atropellarnos
- Porque sino nos moriríamos


- Porque tenemos que tener cama y nuestra comidita
- Porque sino nos congelaríamos
- Porque fuera hace mucho frío, viento, lluvia
Pero y los animales se congelan?
- No, porque ellos tienen pelo
Pero en verano no hace frio , podriamos vivir en verano fuera?
- No.
Pero los animales no viven en casas, y están bien.
- Porque son salvajes

¿Todas las casas son iguales?
-No.
En el polo norte son como en galicia?
- No. Son de hielo
Y no se derriten?
- No, porque no hay sol.
Como se llaman esas casas de hielo…
I… IGLÚS                     
De que otra cosa pueden ser las casas??
- Ladrillo, piedra, hielo, paja, madera..

Actividades varias:

- Fixemos siluetas das nosas mans e picamolas para despois poñer papel seda por detrás. 

- Experimentamos cada un co seu trociño de plastilina con 2 xogos: 

                 1.  Ver como roda a plastilina segundo a forma.Sen modelar, facendo un churriño, facendo un aro (pechando o churriño polos extremos) e facendo unha bola. ¿Como roda mellor?

                 2.  Usar o churriño como liña recta ou curva e buscar na clase rectas e curvas nun tempo dado para despois comentar as que atopamos..


Xogos de acertar (xogos que facemos antes de ir para casa)

- Ademais do Veo veo  aprendemos a xogar a  Quien es quien? coas nosas fotos do árbol de mazás da asemblea. Un neno/a colle unha foto e os demais deben adiviñar quen é facendo preguntas de responder si ou non. por exemplo: ¿ten o pelo negro?  ¿está no equipo dos rubíes?..

 O que non fixemos ben, ou "Cousas para mellorar!"

- Tiven que incidirlles sobre as tapas de rotus e pegamentos, xa que se olvidan de poñerllas e despois quedamos sen material. Hai que coidalo entre todos!

- A lupa do recuncho de exploradores desaparece por momentos, especialmente no recreo.. e despois non volve ao seu lugar. É para usar no recuncho, non fóra del.

- Os collares que lles trouxen para "Imaginarium" xa están rotos. Non souberon tratalos ben.

- Cando imos ao baño non é para xogar. Facer piscinas e montañas de papel e auga non é o que facemos ao chegar do recreo. Só entramos para lavar mans, beber e facer pis.


mércores, 23 de outubro de 2013

CLASIFICANDO PEDRIÑAS

10 Outubro

Iratxe trouxo un bonito mural de Outono, mirade canto traballou:


Aprendimos a xogar a "Simón dice" e custoulles un pouco, pero canto máis xoguemos iremos collendo práctica neste xogo no que hai que estar moi atentos co oído!
Avanzamos no recuncho das construccións poñendo velcro ás pedras para poder crear formas, torres, etc. e no recuncho de superexploradores empezamos a clasificar por semellanzas.
Tamén descobriron o botón de  imprimir os seus debuxos de TuxPaint, e encántalles ver saír o papel impreso, pero non podemos imprimir tódolos días que gastamos moita tinta de cor. Tentamos facer un debuxo entre os tres que estamos no ordenador e así facemos un entre todos e non gastamos tanto.

xoves, 17 de outubro de 2013

XA TEMOS LIBRETAS!

9 Outubro


Hoxe ensineilles aos nenos as novas libretas axendas deste curso que comprei onte. De momento hoxe só escribimos cada un o seu nome para pegarllelos. Aínda nos falta poñer as fotos, decoralas e preparalas por dentro. Ata a próxima semana non as levaremos para casa. 

Velaquí algunhas das rematadas , que ben escriben os seus nomes!




Despois fixemos unha actividade moi molona. Fumos buscar follas ao patio para facer un obradoiro de estampación de follas. Cada equipo levaba unha bolsa para encher con follas do chan e despois na aula Mari e eu axudamos a seleccionalas e repartilas. preparamos as mesas e remangamos os mandilóns e ala fumos. As cores en témpera coas follas usadas nesa cor foron rotando polos equipos e así todos puidemos usar distintas follas e as tres cores: laranxa, vermella e amarela.

E tras a merenda vimos un vídeo que me encanta e quería compartir con eles. Chámase "Adventures of a Cardboard Box" e amosa a imaxinación dun neno para transformar unha caixa de cartón en centos de cousas, escenarios e personaxes diferentes. Tan solo precisa a caixa, a súa irmá e algunha cousiña da casa para pasar tardes increíbles sen aburrirse! Ademais a música é preciosa. O final do vídeo queda aberto, para que cada un pense o que cre.

A eles gustoulles moito, así que tedes que velo:







mércores, 16 de outubro de 2013

BENVIDO OUTUBRO!

01 Outubro

Hoxe comezamos un novo mes e estreamos a nosa rutina semanal dos martes: “Sentindo as estacions”. 

Sobre como sentimos o Outono cada un de nós trouxeron debuxos Sayra, Ángel e  Oihane. Todos incluían algunha árbore, follas e froitos da época. Pero aportación máis curiosa foi a de Aitor, que quixo compartir con nós un bichopau que colleu co seu pai  no monte. Trouxoo nunha caixiña e todos puidemos observalo. Era largoooo e delgadiño como un pau e había que fixarse moi ben para verlle as patas.
Eu leveilles tamén 2 follas de árbore que collín no chan do paseo marítimo de Moaña, preto da praza de abastos. Despois de observalas xogamos a un xogo moi diver que se chama:

“No es un/una___________, es un/una_______”

Consiste en imaxinar que o que temos na man non é o que é, senón outras cousas. E temos que dicilo convencidos para que os compañeiros logren ver coa imaxinación tamén, porque realmente algo pode ser moitas cousas á vez.


Hoxe , a nosa folliña non era folliña, era: sombreiro, abanico, ás, anel, colgante, espada, pendiente, árbore, estrela, diadema, escoba, barco…


No ordenador vimos tamén fotos nas que pegando unha folla nun folio, se podía xogar a imaxinar que a folla é parte dun debuxo. E así vimos caras con pelo de folla, tartarugas con caparazón de folla, bolboretas con ás de folla…




 E como actividade estrela de hoxe, pintamos pedras para decorar os testos das nosas dúas  plantas da clase.



 Quedaron bonitas, a que si?




ESTA AULA ESTÁ CAMBIADA

30 Setembro

- Hoxe os nenos viron os cambios na organización do espazo que esta fin de semana realicei na aula. Básicamente reestruturáronse os recunchos, algún mudou de nome e outros son novos, como o dos SUPEREXPLORADORES!

 Aquí vemos como dúas superxploradoras xogan coas pedras, auga, e realizan as súas observacións.




- Tamén coñecemos a nova profesora de Apoio que estará con nós algúns momentos entre os Luns e Mércores, e que dará Alternativa aos nenos que non van a Relixión. Chámase Mari, é de Ourense e vive en Cangas!


CUMPREANOS FELICES


27 Setembro

- Vimos as primeiras fotos do buscador de pedras sacadas por Yeray. De cada foto fixámonos sempre en dúas cuestións:
Qué e o que vemos? Onde foi sacada?

Despois deixamos que o neno/a que sacou as fotos nos conte cousiñas delas e facémoslle preguntas sobre a foto cando temos curiosidade por saber algo máis.


- Ao ser último venres de mes, tivemos celebración dos aniversarios de verán dos nenos e nenas da escola. No noso grupo de 4 anos estiveron Adrián, Oihane e Yeray de cumpreanos, e os tres levaron unhas coroas moi chulas de agasallo e recordo.Fixemos unha merendola rica na sala de psicomotricidade e comemos unha tarta molona con patiños de chocolate branco moi ben feitiños.

- Para rematar o día estreamos os carnets lectores da biblioteca cos que podemos levar un libro cada venres á casa e traelo de volta á semana seguinte, ata o xoves como moi tarde. Iremos acumulando pegatinas por cada libro lido e cando consigamos cubrir o carnet, haberá un premio por ser grandes lectores!


- E tamén apareceu Ramona, que levaba varios días perdida e a profe Cris moi triste por non saber dela. Pero xa por fin volve estar con nós! 

martes, 15 de outubro de 2013

CANTAS XOIAS NESTE GRUPO!

26 Setembro

Se de pedras se trata…os nenos e nenas de 4 anos son as máis preciosas, así que a raíz do póster de Bea que nos fixo falar de pedras de cores e brillos especiais, decidimos que os novos grupos da clase se chamen así:





RUBIES: Sayra, Iratxe, Ainhoa, Aitor, Rubén e Pablo









DIAMANTES: Rosa, Aroa, Juanjo, Carla, Gael






ZAFIROS: Sara, Bea, Anxo, Xavi, Paula, Ángel










ESMERALDAS: Yago, Oihane, Andrea, Yeray, Adrián





Hoxe ademais Sara trouxo castañas! Falamos un pouquiño delas e descubrimos que a todos nos gustan moito asadas! 


Despois aprendimos que se poden medir cousas con pedras, e comparamos con outras formas de medir: mans, pés, e a regla.


E como non todos os días son fantásticos, algo malo houbo tamén. Alguén deixou o grifo aberto mentres eu axudaba a ordenar  os libros da biblioteca antes de saír ao patio e cando entrei… tiñamos un bo charco na metade da aula. Como non averiguamos quen tivera o despiste, quedamos na aula sen recreo pensando e falando do suceso para que non se volva repetir. Foi o primeiro castigo grupal e algúns amoláronse por quedar sen patio, pero o tema era importante e esperemos sirva para que non volva ocorrer.

AS SUPERPEDRAS

24 de Setembro

Hoxe fixemos moitas cousiñas:
- Bea trouxo un poster de MINERALES moi bonito cun montón de nomes raros. Comentámolo e  poñémolo na parede.
- Decidimos o nome da aula por votación. Entre as SUPERPEDRAS,  PEDRIÑAS,e  PEQUEPEDRAS, gañou ou 1º, así que elaboramos o cartel e pegámolo na porta.
- Construímos cousas con pedras por equipos. A semana pasada fixémolo movendo e dispoñendo as pedras aleatoriamente entre varios para a continuación observar e buscar unha semellanza con algún obxecto ou elemento da realidade ao que nos recorde.                                                      


Hoxe en cambio empezamos pensando o qué , e logo,  o cómo. Entre todos,un propón o que se vai construír e van poñendo pedras de 1 en 1 ata lograr a figura buscada.
- Xogamos a un xogo novo: “Pato, oca” e pasámolo en grande, porque hai que dicir que… Encántalles!
- Por último hoxe iniciamos a caixa do buscador de pedras, así que ensineilles varias  fotos para decorala e comentamos as instruccións de uso. Á hora de repartila, empezando polo final da lista de clase, tocoulle a Yeray.

MIRA QUE PEDRA!

16 de Setembro

Hoxe  pregunteilles que lles parece o tema das pedras para este curso, xa que despois de ver que varios días seguidos  viñan do patio con algunhas pedras, mostrándomas moi contentos e dicindo que llelas querían regalar aos seus papás ou mamás, empecei a discorrer o fin de semana na casa e pareceume un tema interesante que pode dar moito xogo. Ademais de ser o eixe que de sinal de identidade ao grupo, á aula, a algunha rutina, e que encha de vida e novas actividades os nosos recantos, as pedras serán o punto de partida do proxecto que iremos facendo este trimestre. A partir de preguntas e respondendo a elas entre todos, veremos que é o que máis nos interesa descubrir e coñecer máis a fondo sobre as pedras, para ir centrando en cada momento o desenvolvemento da investigación.


QUE SON AS PEDRAS?
COMO SON AS PEDRAS?
ONDE PODEMOS ATOPALAS?
PARA QUE SERVEN AS PEDRAS?



DESCUBRINDO VERDUCEDO


11, 12 e 13 de Setembro

Tras unha chegada acelerada a MOAÑA, e un mar de dúbidas sobre o que me agardaba na escola, atópome feliz co lugar, cos nenos e coas compañeiras.  Nestes tres días de presentación e volta  á escola, dedicamos tempo para:

-  Coñecernos entre nós e coñecer a DRAGONA RAMONA, unha dragoniña que ama ler libros e facerse preguntas de todo o que a rodea,

- Aprender cancións como “Los patos”,

- Facer  xogos como “El cartero ha venido” o pasar un rato divertido con “Oso dormilón”,

pero sobre todo para…

- Lembrar as normas do cole e rutinas de cada día, que tras o verán, custan un poco.