xoves, 27 de marzo de 2014

ARTE EN BURACOS: KLIMT

Esta semana, no xogo de mirar polo buraco dunha lámina cuberta e adiviñar o que se agocha detrás, traballamos esta imaxe  tan colorida de KLIMT, un pintor simbolista e modernista, austríaco.



Escollína, por un lado, por presentar espirais, coas que estivemos traballando bastante este trimestre e que xa observamos noutra obra do mesmo autor. E por outro polo combinado das cores e flores con estas espirais, creando un fermoso impacto visual. 

As súas primeiras hipóteses de ¿que será?  foron:

- LAGO
- MAR
- ELEFANTE
- XIRAFA
- PAÍSES
- CAMPO CON FLORES
- PEIXES
- PLANETAS

Finalmente, en canto se viu un rostro de muller, as ideas mudaron a :

-CHICAS
- SEREAS

E xa pouco a pouco fomos analizando estas mulleres, contando as cabezas, mirando a cor dos cabelos, pensando se estaban núas ou non, se serían amigas, irmás, primas ou familiares, e se o que as cubre serían teas de vestidos, sabas ou mantas...
Ahora..que credes que están facendo? A maioría dixo DURMIR e DESCANSAR. 

mércores, 26 de marzo de 2014

TEÑO UN IMÁN...VOU PROBAR..QUÉ SE PEGARÁ?

Xavi trouxo un imán e despois de responder a ¿para que serve? e aclarar as nosas ideas... a todos nos entrou as ganas de probar que cousas da aula se pegarían a él, e de qué xeito. Xogamos a adiviñar antes , facendo hipóteses e logo confirmando pola acción.


Mirade as súas caras de expectación!




 Foi un momento divertido o de empezar o día con ciencia improvisada! 



venres, 21 de marzo de 2014

DÍA DA POESÍA E DA ÁRBORE

Hoxe, 21 de marzo estivemos a celebrar que chegou a PRIMAVERA, e ademais que é o Día Mundial da Árbore e da Poesía.
 
Deste xeito inauguramos o noso panel das estacións cunha obra primaveral e na que a protagonista é unha ÁRBORE. Titúlase A árbore da Vida e o autor é Gustav Klimt. É unha árbore especial na que as ramas formas espirais, e o tronco está cheo de cores e flores. Pensamos en por qué se chamará "da vida"? Porque cada rama representa os diferentes camiños que podemos tomar na vida, lugares, momentos importantes ou etapas que vivimos.
 
 
Despois a profe leu uns poemas en galego e en castelán que tamén falan da primavera, e de todas as cousas da natureza que se alegran e se poñen bonitas cando chega esta estación.
 
Por último escollemos un dos poemas: Quixera Ser, de Ana María Teijeiro, e cada equipo escribiu unha das súas estrofas, de maneira que cada neno/a se encargou dun verso ou parte dun verso. 
 
Así entre todos conseguimos estas tres esfrofas tan lindas que podedes ler nas ventás da escola.

 
 

 


mércores, 19 de marzo de 2014

ESCULTURAS MIX

As Superpedras fixeron esculturas con 5 materiais que podían combinar ao seu libre gusto: plastilina, pedras, tapóns de plástico, arame e palillos.
Do que máis lles gustou foron os palillos , ver cómo se unían coa plastilina e facer diferentes formas e figuras. O arame servía para dar formas curvas que os palillos non permitían.
Cada un fixo as súas creacións, e despois buscáronlle un título.
Se queredes velas en directo están expostas na entrada do cole. 

Aquí vos queda un vídeo resume, espero que o disfrutedes:

A que mola xogar a facer esculturas coas cousas que atopamos e temos arredor?
 Incluso con papel, cartón, e o que se vos poida ocorrer! A cuestión é probar!

martes, 18 de marzo de 2014

BAILANDO SOBRE PINTURA

 Esta semana no Ximnasio xogamos a pintar cos pés!

E ademais fixémolo con música de fondo, tratando de pisar seguindo o ritmo.
A expectación antes de comezar era tremenda!


Cada equipo fixo unha obra cun fondo musical diferente. E todos, menos 2 nenos, quixeron participar moi entusiasmados.

 A sensación de mollar os pés en pintura foi xenial! Que fíría, dicían algúns. Tamén era resbaladiza, e había que ir con coidado, se non que llo pregunten a PABLO,  que levou unha pequecuada... e quedoulle un mandilón con manchón artístico.






 As primeiras pegadas no papel eran emocionantes, e moi bonitas, fixándose na forma do seu pé, o tamaño, a silueta, os dediños... 



 Despois a medida que ían entrando máis compañeiros as pegadas, unhas enriba das outras, ocultaban as formas dos pés, pero algunhas quedaron visibles. 



O mellor foi que todos quedaron con ganas de repetir. Foi unha xornada moi feliz e desde aquí Gracias a MARI, a nosa mestra de apoio que nos axudou a limparnos e organizar todo.


Aquí vedes os resultados, que expuxemos nas paredes exteriores da escola para alegrar a nosa entrada! 


venres, 14 de marzo de 2014

VISITA DA MAMÁ DE XAVI

A mamá de Xavi, Cristina, veu ao cole a contarnos cousas sobre as persoas con discapacidade. Despois de pasar pola clase de 3 anos, veu a visitar ás SUPERPEDRAS.

Falamos das diferencias entre as persoas e contounos un conto chamado "Por cuatro esquinitas de nada", todo un clásico no que os propios nenos participaron con pequenos títeres das personaxes, que neste caso son "redonditos" e "cadradito". O final do conto deixanos a mensaxe de que:

non se trata de mudar as persoas para seren iguais que un, nin de obrigar a que todos encaixen polo mesmo patrón, senón de mudar o ambiente e facilitar que todos, sendo diferentes, poidamos vivir en igualdade de oportunidades e felices .




Despois buscando exemplos, concretamente falamos dos discapacitados visuais e auditivos, e saímos a xogar ao fútbol e aos bolos, comprobando que a pesar de non ver, as persoas cegas ou con deficiencia visual poden xogar guiándose polo son. Simplemente necesitan que a pelota teña algo dentro para que cando se mova faga son e saiban onde está. No caso dos bolos eran os propios bolos-persoa os que facían ruido para que o lanzador puidese derribalos!  



Para rematar Cris, a mamá de Xavi, ensinounos unhas palabras e frases en linguaxe de signos e os nenos comprobaron que era fácil de entender, ademais dunha linguaxe moi bonita!

xoves, 13 de marzo de 2014

SUPERPEDRAS EN MINIATURA, XOGAMOS COAS NOSAS IMAXES

A raíz das fotos que sacamos cando nos medimos, decidín imprimir as imaxes dos nenos en branco e negro e en cor plastificadas.
Son un elemento moi motivador que da moito xogo na clase, e a eles encántalles verse e collerse.

De momento coas siluetas en branco e negro xogamos a adiviñar primeiro, vendo só a silueta por detrás , quen podía ser. Despois fixemos isto: 

Ordenamos de menor a maior estatura 

Facemos un círculo

 Unimos en forma de torre uns enriba de outros e miramos canto ocupa! 

Colaboramos para facer unha cara entre todos!


venres, 7 de marzo de 2014

LAND ART II

Na segunda sesión de Land Art continuamos vendo obras no ordenador e descubrimos que outro dos artistas que tiveron a idea de facer imaxes con elementos naturais é Robert Smithson, un norteamericano cuxa obra máis coñecida posiblemente sexa a Spiral Jetty


As superpedras sabían o que eran as espirais, pero o que non sabían era que na cultura galega da época dos celtas e cultura castrexa, era un símbolo moi representado. E por iso perdura en monumentos, amuletos, petroglifos, xoias etc.

 E sabedes que pasa cando se unen tres espirais, formando un triángulo?

Sae un trisquel


Como na clase somos tres equipos, decidimos que fóra podiamos facer cada un unha espiral con pedras e despois unilas con outra cousa que atoparamos no patio. E fixémolo con follas e pétalos collidos no chan. 









ATA O ANO QUE VEN ENTROIDO!

Para despedir o Entroido fixemos festa de disfraces libres e cada un sorprendeunos co que máis lle gustou. Ata tivemos a visita do Xabarín da TVG, e rímonos moito probando a super cabeza de Xabarín.

 



Foi un recreo moi divertido

 
E para rematar, uns bailes en corro e en tren. Como nos mola bailar! 
 
 

xoves, 6 de marzo de 2014

LAND ART I

Esta semana xogamos a ser artistas de novo, xa que é unha das nosas actividades preferidas! Esta vez, coñecimos unha nova modalidade , que se chama o LAND ART , ou arte da paisaxe , que consiste en empregar os espazos, elementos e materiais da natureza (follas, flores, froitos, troncos, terra, pedras, area, auga etc.) para crear formas, figuras, e obras de arte.

Hoxe moitas persoas  se dedican a este tipo de arte. Nós na aula coñecimos a Richard Long, un artista inglés, de Bristol, que leva anos facendo obras con elementos naturais, especialmente empregando as pedras.




E como nós temos unha gran colección na clase, saímos ao patio a experimentar con elas.



Decidimos empregar todas as da nosa caixa para facer un círculo grande. Tivemos que ir modificando porque parecía un cadrado en vez de círculo, pero finalmente conseguímolo.


Despois comprobamos se entraríamos todos dentro ou non.

Para rematar, con tizas de cores debuxamos libremente no chan e cubrimos partes dos debuxos con pedras! Mirade que bonito e alegre quedou o patio!